EspañolGalego
Portada Particulares Portada Empresas
Produtos e servizos
Perfís de usuario

Caixa Galicia inxecta 150 millóns de euros mensuais a empresas anticipando o cobro de facturas pendentes

  • A caixa galega concede a metade dos préstamos do Igape a pemes en Galicia
  • A entidade dispón de 2.400 millóns listos para prestar a empresas
 
Caixa Galicia concede aproximadamente o 50 por cento dos préstamos das liñas abertas para pemes pola Xunta a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), o que constata a forte actividade da caixa galega no apoio á liquidez do tecido empresarial.
 
Ademais, Caixa Galicia está inxectando unha media de 150 millóns de euros mensuais ás pequenas e medianas empresas mediante o anticipo de pagamentos das facturas que teñen pendente de cobro. Moitas destas operacións realízanse cunha simple chamada telefónica, sen ningún tipo de trámite burocrático, "podendo acceder a este financiamento os provedores dos nosos clientes que teñan contratado o servizo, mesmo sen ser clientes de Caixa de Aforros de Galicia, a través de Internet, telefonicamente ou en calquera das nosas oficinas", sinala o responsable da Área de Empresas de Caixa Galicia, Javier Fernández Roca, quen lembrou que as liñas de confirming que a entidade puxo a disposición das empresas galegas permitíronlles garantir  os seus pagamentos a provedores por importe de 1.000 millóns de euros.
 
Caixa Galicia alcanzou a cota do 41% do mercado galego en financiamento a empresas a través do factoring e confirming, dos servizos financeiros que a entidade puxo a disposición dos empresarios da comunidade galega. "Caixa Galicia incorporou o factoring a su oferta hai ano e medio, e neste prazo situámonos como a terceira caixa española no ránking da Asociación Española de Factoring; a décima entidade no ránking total, e a que máis creceu entre todas as empresas do sector", engadiu Javier Fernández, quen puxo de manifesto que estas cifras "poñen de relevo o compromiso da nosa caixa co tecido produtivo galego".
 
Durante o ano pasado, Caixa Galicia destinou 1.400 millóns de euros ao financiamento de cobros e pagamentos de empresas galegas a través dos seus produtos de máis valor engadido, confirming e factoring. Con estes produtos eliminamos a incerteza das empresas galegas con respecto ao cobro das facturas dos seus clientes e garantímoslles aos provedores o cobro das súas facturas.
 

Dous de cada tres préstamos do Igape

 

Caixagalíciate, a nova liña de traballo que deseñou a primeira entidade financeira de Galicia para os vindeiros meses como resposta ás necesidades dos seus clientes no contexto económico actual, concedeu nos dous últimos meses dous de cada tres préstamos do Igape ás pequenas e medianas empresas.
 
A caixa galega estase a reunir con empresarios das principais comarcas galegas para informarlles sobre as liñas de financiamento existentes, e presentarlles a rede de 24 especialistas exclusivamente dedicados ao asesoramento e apoio financeiro ás pemes. Esta rede complementa a rede de empresas, que leva máis de 3 anos axudando a este sector, con 10 centros de empresas e 31 xestores de medianas empresas en Galicia. Ata o momento realizou un total de 30 reunións nas principais localidades galegas, ás que asistiron 1.500 pequenos e medianos empresarios da comunidade.
 
"Caixa Galicia formalizará 2.400 millóns en préstamos a empresas durante este ano", avanza Julio Rivero, director de toda a rede de oficinas de Caixa Galicia en Galicia, Asturias e León. Do total de formalizacións, case 1.000 millóns tramitaranse a través de convenios de liquidez, inversión produtiva ou refinanciamento de organismos como o ICO ou o Igape.
 
"Dirixímonos ás pemes porque son elas as que, polas súas dimensións e estrutura organizativa, están máis necesitadas de información sobre as posibilidades que poden aproveitar en materia de financiamento, sobre todo coas axudas públicas a través dos convenios do IGAPE e do ICO", sinalou Julio Rivero, quen destacou que as pemes son un sector "clave para a recuperación económica".
 
Un de cada cinco préstamos a empresas concedidos o ano pasado en Galicia foron normalizados por Caixa Galicia, o que consolida a súa posición de liderado no investimento crediticio empresarial. As empresas conforman o 66% de toda a carteira de créditos de Caixa Galicia formalizada en 2008, cun aumento da súa cota de mercado en España de 18 puntos básicos.