EspañolGalego
 

Rubén Pardiñas

Rubén Pardiñas

O mozo vigués Rubén Pardiñas deuse a coñecer recentemente no mundo do audiovisual galego co seu documental 'Fronteiras', unha peza dunha hora de duración que investiga sobre o conflito lingüístico existente nas zonas limítrofes de Galicia con Portugal, Asturias, León e Zamora.

Rubén Pardiñas é Licenciado en Historia da Arte pola Universidad de Santiago de Compostela e Diplomado en Cinematografía pola Escuela de Cinematografía y del Audiovisual de Madrid. Aínda que realizara anteriormente algún traballo amateur, Fronteiras supuxo o seu debut na dirección cinematográfica.

Conversamos con el sobre esta película e os seus proxectos a curto e medio prazo.


En 'Fronteiras' tratas os distintos conflitos lingüísticos existentes en Galicia, un tema que adoita xerar gran polémica. Tiñas algunha idea preconcibidia do que ías atopar ou empregaches o propio documental como método de investigación?
Cando andas a rodar un documental sempre aparecen personaxes ou situacións imprevistas que enriquecen o teu plan inicial, pero a min sempre me gustou preparar un guión previo, cunha estrutura narrativa mínima que me permita enfocar as distintas entrevistas cara a temas comúns. Posteriormente, é a propia realidade a que che ofrece o material co que traballas para preparar o guión definitivo.

Canto tempo durou todo este proceso? Desbotaches moito material que rodaras?
Dende o principio do proxecto transcorreu ao redor dun ano, no que realizamos entre 7 e 8 viaxes ao Bierzo, Sanabria, o Navia-Eo e a zona limítrofe entre Ourense e Portugal, coñecida como A raia seca. Ao finalizar a gravación tiña 70 horas filmadas que había que reducir a unha hora, polo que o proceso de selección foi bastante duro. Eu teño o costume de transcribir todas as intervencións e, a partir das delcaracións, escribir o guión definitivo, sobre o que realizo a montaxe final.

En 'Fronteiras' entrevistas a multitude de persoas que van dende políticos e filólogos de renome ata simples veciños da zona. Cal foi o proceso de selección de personaxes?
Nós acudimos ás zonas do conflito como unha guerrilla, cinematograficamente falando, a ver o que podiamos sacar e, evidentemente, sempre aparecen personaxes que che sorprenden e que se 'dan' moi ben á cámara. Ademais, nas zonas rurais, é habitual atopar persoas que están pouco ou nada afeitas a ser filmadas polo que se mostran con total naturalidade.

O caso das intervencións máis oficiais é moi distinto. A nós interesábanos presentar no documental todas as posturas posibles sobre o tema, polo que se procurou seleccionar expertos con perspectivas diversas. Aínda así, finalmente foi necesario facer unha selección final na que quedaron fóra personaxes de gran importancia como Carlos Taibo, Amancio Prada ou Felipe Lubián. Nunha peza cinematográfica, aínda que sexa documental, existe un esquema narrativo e, lamentablemente, as intervencións que non encaixan no relato deben quedar fóra, aínda que sexan moi interesantes.


De que xeito se consegue distribuír un documental como o teu, de baixo orzamento, que non encaixa nas carteleiras de cine comercial?
Resulta bastante complicado conseguir unha difusión ampla no cine documental a pesar de que nos últimos 10 ou 15 anos o seu número nas carteleiras aumentou exponencialmente. Para min os festivais foron fundamentais á hora de dar a coñecer a miña película e tamén, por suposto, o pase que realizou desta a Televisión de Galicia.

Xa, por último, que proxectos tes entre mans a curto prazo?
Despois de 'Fronteiras', realicei un documental de temática parecida a petición da Televisión de Galicia. A peza, de media hora de duración, titulouse A terceira póla e está filmada naquelas zonas de Estremadura onde a día de hoxe se fala galego. Esta curtametraxe pasouse na televisión autonómica o pasado 17 de maio.

Pero o meu proxecto máis ambicioso é Gaiteiro!, un documental no que aínda estou empezando a traballar, que intenta pór fronte a fronte dúas posturas case opostas en relación á gaita galega. Aquella que preserva a tradición musical autóctona, sen ningunha alteración nin mestizaxe, e a que defende certo aperturismo e internacionalización, que permita a este instrumento pervivir neste mundo globalizado.

 

Banca Electrónica

902 20 91 33

Caixa Galicia no teu móbil