EspañolGalego
Hágase cliente

Roi Casal

Roi Casal

Roi Casal empezou aos catorce anos a tocar a arpa, despois de formarse durante seis como pianista. Con só dezanove, entrou a formar parte do buque insignia da música tradicional galega, Milladoiro. Case dez anos despois, decidiu seguir carreira en solitario. Hai seis meses editou o seu primeiro álbum, Lendas douradas.

Netclub falou con Roi sobre a súa carreira musical, sobre o disco e sobre o seu futuro.

Como chegas a interesarte por un instrumento como a arpa?
Pois de modo irreflexivo. Pódese entender que cando un ten catorce anos, non fai un estudo antropolóxico dun instrumento para decidirse. O que si tiña claro era que quería un instrumento polifónico, pois xa fixera seis anos de piano e non quería renunciar ás posibilidades harmónicas que ofrece este tipo de instrumentos. Ademais, non me era un instrumento estraño, pois en Milladoiro era un dos alicerces da súa música, que eu tanto admiraba. Por aí comezou a historia.

Con só dezanove anos entras a formar parte dun proxecto como Milladoiro. Como se vive algo así?
Vivino como unha experiencia única. Para min, foi como que te admitisen na mellor universidade de música tradicional do planeta. Imaxínate: tiven a oportunidade de percibir a música e a vida noutra dimensión dende moi novo. Foi unha etapa excepcional dende todos os puntos de vista.

Como e por que te decidiches a afrontar un disco en solitario?
Por necesidade vital. Acotío teño algunha melodía na cabeza ou estou a pensar en algo relacionado coa música. Chegou un momento en que tiña bastante material e considerei que algúns deses temas merecían ser gravados. Así xurdiu Lendas Douradas.

Ademais, a xente debe ter en conta que Milladoiro non é o meu proxecto. En certo xeito sería unha traizón a min mesmo non dar este paso.

Como foi a experiencia de ser o máximo responsable dese proxecto?E de subir ao escenario como protagonista?
Pode dicirse que o de ser o máximo responsable do proxecto é precisamente o que andaba buscando. Teño bastante claro musicalmente o que quero e o que non, e foron seis meses nos que traballei coa liberdade que che permiten as doce notas.

Subir ao escenario como protagonista o vexo como algo necesario cando estás a presentar un traballo propio. Quen mellor que un mesmo para explicar e interpretar a miña música. Pero que quede claro que a miña ambición é puramente musical.

Lendas douradas preséntase como un disco de música tradicional no que pos música a poemas de Rosalía de Castro ou Manuel María. A que público vai dirixido?
O disco vai dirixido a min mesmo. O que se debe sentir ben coa miña música son eu, e se despois hai a quen lle interesa, pois mellor. E eu estou plenamente satisfeito. Creo que é o único modo de facer algo auténtico.

Dito isto, supuxen ao principio que á xente da miña idade seríalle máis fácil de asumir este estilo musical, pero pasados seis meses dende o lanzamento recibín felicitacións de persoas tan variadas como D. Xosé Manuel Beiras, Olga Cerpa -cantante de Mestisay -, nenos de primaria, amas de casa, doutoras, compañeiros de universidade… que xa non sei cal é o sector de poboación ao que vai dirixido. Creo que é no último no que pensa un músico. E se o pensa, está a limitar a súa creatividade. 

É posible compaxinar a túa carreira en solitario coa actividade e o estilo de Milladoiro ?
De feito, non vou compaxinar ambas as carreiras, senón que me dedicarei en exclusiva á miña propia. Despois de meditalo moito e de falar cos meus compañeiros de grupo, chegamos á conclusión de que no futuro podería haber incompatibilidades, e eu non estaba disposto a renunciar ao meu proxecto.

Cales son os teus plans de futuro?
A curto prazo, levar a cabo a xira 2009 presentando Lendas douradas, que vai ser intensa. Teño tamén entre mans un proxecto cunha das mellores artistas do país que faremos público o vindeiro mes e no que xa estamos a traballar.

A longo prazo, o destino e a inspiración dirán…   

  

 

Fichas anteriores

 

 

 

Banca Electrónica

902 20 91 33

Caixa Galicia no teu móbil